Notas de prensa

Bota a andar o programa de dinamización lingüística O galego é un mundo

Valentín García abriu a xornada de presentación do programa aos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos participantes. Trátase de fomentar entre o alumnado de educación secundaria a consciencia da diversidade lingüística e a erradicar os prexuízos a respecto do galego.

O programa de dinamización lingüística “O galego é un mundo: multiculturalismo e diversidade lingüística hoxe”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, botou a andar cunha xornada informativa para profesorado pertencente a equipos de dinamización da lingua galega celebrada no salón de actos do Pazo de San Roque.

O titular de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, ocupouse da sesión de apertura cunha intervención na que destacou “o feito de que, en contra do que tendemos a pensar, o monolingüismo non é a norma da que os galegos nos saímos, senón que entre a metade e dous terzos da poboación mundial fala máis dunha lingua”. García Gómez insistiu na importancia de conseguir que as novas xeracións saiban apreciar o valor desta diversidade idiomática á que Galicia contribúe co seu idioma propio.

Na presentación de “O galego é un mundo”, o secretario xeral estivo acompañado por Sabela Gil, coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega; por Anik Nandi, sociolingüista bengalí que desenvolverá o programa e que foi o encargado de expoñerlle ao profesorado os detalles relativos aos seus obxectivos e contidos; por Manuel Núñez Singala, xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, que falou do “Papel da sociedade na modificación das condutas lingüísticas”; por Xurxo Salgado, director do xornal dixital Galicia Confidencial, que se ocupou da “Visibilización dos programas de multiculturalidade nos medios” e das súas “repercusións na sociedade global”, e por Brais Fernández, dinamizador sociocultural e lingúístico integrante do dúo “Consello de Galegos Ilustres”, que desenvolveu, xunto con Nandi, o recital “Poesía galega en bengalí”.

O programa “O galego é un mundo”, que leva adiante por primeira vez a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega de 12 centros educativos de ensino secundario, persegue fomentar a consciencia da diversidade lingüística e do muticulturalismo e contribuír a erradicar os prexuízos existentes a respecto do galego. Articúlase nunha serie de relatorios interactivos impartidos polo sociolingüista bengalí Anik Nandi, quen realizará unha análise contrastiva entre a realidade sociolingüística de Galicia e a da India.

Nesta primeira edición, “O galego é un mundo” chegará aos seguintes centros educativos: IES Félix Muriel (Rianxo), IES San Clemente (Santiago de Compostela), IES Carral, IES Manuel Murguía (Arteixo); IES Aquis Celenis (Caldas de Reis); IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa); IES Carlos Casares (Vigo); IES Chano Piñeiro (Forcarei); IES Taboada Chivite (Verín); IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia); CPI Plurilingüe Navia de Suarna e IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-10-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES