Notas de prensa

A creación literaria galega e portuguesa, a debate nas Conversas Nortear

Galicia-Norte de Portugal: Un universo literario común. Os escritores Antón Riveiro Coello e Olinda Beja debateron sobre a creación literaria a ambas as beiras do Miño, para ofrecer as súas perspectivas das letras galegas e portuguesas, de acordo coa finalidade do ciclo de ofrecer un achegamento á literatura da man dos seus protagonistas actuais.

O escritor galego Antón Riveiro e autora portuguesa Olinda Beja foron os protagonistas dunha nova sesión do ciclo de Conversas Nortear, na que Anxo Angueira actuou de moderador. O acto, desenvolvido na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, contou tamén coa participación na presentación de Luis Alonso, decano da facultade; Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia; Xosé Lago, secretario do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal; e Fernanda Eugénia Araújo, responsable do departamento de Dinamización e Promoción Cultural da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal.

Baixo o título ‘Galicia-Norte de Portugal: Un universo literario común?’, os autores debateron sobre a creación literaria a ambas as beiras do Miño, para ofrecer as súas perspectivas das letras galegas e portuguesas, de acordo coa finalidade do ciclo de ofrecer un achegamento á literatura da man dos seus protagonistas actuais, os autores e as autoras, nun formato de charla distendida e aberta aos asistentes.

Estes encontros culturais, promovidos pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración co Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e a Dirección Rexional do Norte de Portugal, teñen como principal obxectivo favorecer o diálogo e o coñecemento mutuo entre as literaturas galega e portuguesa a través dos seus autores literarios e reforzar o intercambio cultural galego-portugués.

Dous autores de referencia nas letras actuais

O galego Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos narradores de máis prestixio da narrativa galega actual. Traducido a varias linguas, entre as súas obras destacan os títulos Animalia, As rulas de Bakunin, Homónima, Laura no deserto ou Os elefantes de Sokúrov. Ten, entre outros, os premios Camilo José Cela, Manuel García Barros, Ãlvaro Cunqueiro de Narrativa, Fervenzas Literarias e o da Crítica Española.

Olinda Beja (São Tomé e Príncipe, 1946), residente desde nena na localidade portuguesa de Viseu, é unha destacada poeta, escritora e narradora. É autora de poemarios como Bô Tendê?, Leve, Leve, No País do Tchiloli, A Ilha de Izunari, ou Um grão de café: uma simples homenagem ao menino chinês do pote vazio, que foi incorporada ao Plano Nacional de Leitura de Portugal. Tamén escribiu as novelas15 Dias de Regresso e Pedra de Villa Nova. Por A Sombra do Ocá recibiu o premio literario Francisco J. Tenreiro.

Certame Nortear, para escritoras e escritores novos

Outra das iniciativas desenvolvidas no marco deste proxecto é o certame Nortear. Jovens Escritores/Mocidade Escritora Norte de Portugal-Galicia, que este ano chega á súa segunda edición. Con preto de trinta obras presentadas, o fallo do xurado farase público a finais de ano. Este premio ten o obxectivo de promover a aparición de novos escritores e escritoras, de estimular a produción de obras inéditas no ámbito da ficción e de favorecer a creatividade literaria entre a mocidade escritora residente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como de destacar, anualmente, obras literarias orixinais e de promover a circulación e distribución de obras literarias mais aló das fronteiras.

Iniciativas para promover o diálogo cultural

Estas actividades son froito do memorando de entendemento asinado este ano pola Consellería de Cultura e Educación, pola Dirección Rexional do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal.

Ao abeiro deste memorando, ademais do programa de conversas literarias con autores como Ledicia Costas, Pedro Guilherme-Moreira, Ana Luísa Amaral e Ramón Caride, véñense desenvolvendo outras iniciativas como foi a mostra de fotógrafos lusos 'Oito espazos para sete miradas’, na Casa da Parra en Santiago de Compostela, e a mostra galega, ‘Santiago, cidade ilustrada’, de artistas internacionais e galegos exposta en Braga, durante o pasado ano. O intercambio de fondos bibliográficos destinados a enriquecer a sección de lingua portuguesa na Biblioteca de Galicia e de lingua galega na Biblioteca da Dirección Rexional do Norte de Portugal tamén é froito desta colaboración cultural galego-portuguesa.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES