Notas de prensa

Case un millar de estudantes galegos asisten ás funcións matinais do Tartufo

16 centros participan na campaña escolar arredor da nova produción propia do Centro Dramático Galego, con cinco representacións en Santiago. Os alumnos e profesores poderán abordar na aula o clásico de Molière e esta versión galega seguindo a guía didáctica que Miguel Vázquez Freire elaborou.

Máis de 900 estudantes de 16 centros educativos de toda Galicia visitarán o Salón Teatro de Santiago para as representacións matinais do espectáculo ‘Tartufo’, a nova produción propia do Centro Dramático Galego (CDG) dirixida por Carles Alfaro. Serán un total de cinco as funcións incluídas nesta campaña escolar, que arranca coa asistencia de varios grupos procedentes do FPI San Vicente da Baña e do IES Sar de Compostela e o mércores, do colexio San Pelayo-Emma, do IES Antón Fraguas e do CPR O Raio Verde, os tres de Santiago.

Tamén acudirá á sede do CDG para ver esta versión galega do clásico de Molière alumnado do CPI da Cañiza, IES García Barros da Estrada, IES de Arzúa, IES Espiñeira e IES Praia Barraña de Boiro, IES Illa de Ons de Bueu, IES de Monterroso, CPI Dices de Rois, Colexio Compañía de María e IES Xelmírez I de Santiago, e IES de Valga.

Actividades paralelas

Ademais, o Centro Dramático Galego achégalle ao profesorado unha serie de actividades paralelas para traballar xunto cos seus estudantes tanto antes como despois de asistir ao espectáculo. Estas propostas recóllense na guía didáctica elaborada por Miguel Vázquez Freire para o CDG, que tamén afonda na obra e no contexto histórico e artístico no que foi escrita por Molière, así como nas características da montaxe realizada pola compañía pública galega.

Nela, o director Carles Alfaro ideou unha posta en escena centrada no traballo interpretativo que desenvolve un elenco de seis actrices (Casilda Alfaro, Antela Cid, Mónica García, Marta Lado, Rebeca Montera e Patricia Torres) e catro actores (César Cambeiro, Xoán Fórneas, Roberto Leal e Alejandro Saá).

Sinopse

Este texto do gran clásico da literatura francesa aborda, desde a comedia, unha reflexión sobre os perigos da impostura e do artificio, sobre o alcance das aparencias e a cegueira que provoca en quen non quere ver. Aquí, un membro da alta burguesía parisiense, Orgón, e a súa nai atópanse baixo a influencia de Tartufo, un falso devoto que se erixe no seu director espiritual cando o que pretende, en realidade, é ficar con todos os seus bens. A trama complícase coas intervencións da criada Dorina e do resto da familia quen, conscientes das verdadeiras intencións do impostor, intentan abrirlle os ollos ao seu protector.

Tras a estrea da pasada fin de semana, este xoves retomaranse tamén as funcións para público xeral no Salón Teatro, onde ‘Tartufo’ permanecerá ata o 16 de outubro con pases de xoves a sábado, ás 20.30 horas, e os domingos (día do espectador), ás 18.00 horas.
Promoción para as entradas en billeteira

Con ‘Tartufo’, o CDG pon en marcha unha promoción especial para aquelas entradas que se merquen directamente no despacho de billetes do teatro, de xeito que pola compra de dúas, os espectadores obterán unha terceira gratuíta. A billeteira está aberta ao público os días de representación, desde dúas horas antes do comezo do espectáculo, e os billetes poden mercarse, ademais, por internet a través do web entradas abanca.com.

A partir de mediados de outubro e ata finais de ano, o Centro Dramático Galego desenvolverá unha xira galega que levará esta produción a outras nove localidades: Tui, A Coruña, O Barco de Valdeorras, Rianxo, Pontevedra, Vigo, Ourense, Cangas e Ferrol.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES