Notas de prensa

Educación e USC potenciarán a área de matemáticas para reforzar a súa excelencia internacional

Un protocolo pretende incrementar a calidade da acción investigadora neste ámbito e fomentar a colaboración co tecido empresarial. Este acordo enmárcase na estratexia establecida pola Xunta e as universidades para avanzar na mellora do posicionamento do SUG nos ránkings de prestixio.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, asinaron un protocolo de colaboración para potenciar e reforzar a excelencia científica internacional da área de Matemáticas da USC, para que sexa quen de afrontar os retos de renovación do seu staff investigador, explorar as posibilidades de investigación con outros ámbitos do coñecemento e abrirse a unha maior colaboración co tecido empresarial.

Este protocolo, que será desenvolto máis pormenorizadamente nun convenio, parte da base da asentada excelencia da área de Matemáticas de Santiago. De feito, é un eido que destaca dentro do Sistema Universitario de Galicia xa que, por terceiro ano consecutivo, sitúase entre as 100 mellores do mundo, sendo a única área de coñecemento do sistema que chega a este rango.

Mellora nos ránkings internacionais

Neste sentido, considérase estratéxico manter os niveis de excelencia actuais e incluso mellorar estas posicións en futuras edicións dos ránkings, co obxectivo de seguir garantindo no futuro a singularidade desta área, así como de outras do SUG. Esta acción enmárcase dentro da estratexia establecida pola Xunta e as universidades para avanzar na mellora do posicionamento do SUG a nivel internacional.

Deste xeito, cómpre lembrar que a semana pasada, o titular do departamento educativo do Goberno galego e os tres reitores abordaron a posta en marcha de accións encamiñadas á mellora da posición do sistema universitario nos ránkings internacionais. Esta iniciativa, por tanto, é a primeira neste sentido, que se estenderá a outras áreas de coñecemento das tres universidades.

Máis fontes de recursos e promoción do talento

O futuro convenio establecerá a necesidade da sustentabilidade da produción científica e dunha oferta de calidade para a formación de investigadores, procurando ampliar e diversificar as fontes de xeración de recursos de investigación, tanto de fondos competitivos, especialmente os europeos, como os que poidan proceder da relación con empresas e outros grupos de interese. Ademais, preténdese potenciar a súa oferta docente de grao, máster e doutoramento, especializada e profesionalizante, e as súas actividades singulares na detección e estimulación do talento matemático.

A maiores, tamén se busca afondar nas relacións co tecido empresarial, sobre todo tendo en conta a necesidade actual de algúns sectores á hora de manexar grandes volumes de información e de acelerar a toma de decisións.

Novo Plan director

Por outro lado, e co fin de seguir afondando neste camiño de reforzo de áreas estratéxicas das universidades galegas, no protocolo tamén se deixa constancia de que a Consellería está ultimando un plan director para os vindeiros dous anos. Unha das primeiras accións centrarase precisamente na área de Matemáticas da USC, que buscará afianzar e reforzar a súa posición de referencia a nivel internacional.

Precisamente, na reunión estiveron presentes, ademais do conselleiro e do reitor, os profesores e investigadores da facultade de Matemáticas que colaboraron no dito documento; así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e Peregrina Quintela, directora do ITMATI, que ademais vén de gañar o premio María Josefa Wonenburger.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ãngel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES