Notas de prensa

Cultura e Educación e mais Repsol renovan a súa colaboración e convocan o Premio de Narrativa Breve 2016

As novelas deberán presentarse na Fundación Repsol antes do 30 de xullo. Os textos serán orixinais e escritos en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todos os textos deben ser inéditos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O último gañador (edición 2015) foi Marcos S. Calveiro, por “Fontán”.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a Fundación Repsol renovaron a súa colaboración para convocar unha nova edición do Premio de Narrativa Breve Repsol dirixido a escritores en lingua galega para o ano 2016.

Ambas as dúas entidades danlle continuidade á súa colaboración a prol da creación literaria en lingua galega por medio da organización conxunta dun dos certames que contan con máis sona no ámbito da literatura galega: o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016. Ao abeiro do acordo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística prestaralle asesoramento técnico á Fundación Repsol na posta en marcha desta acción, ademais de apoio e difusión institucional ao certame.

No acto de sinatura pública, Román Rodríguez e Ignacio Egea estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística e polo director da refinería da Coruña, Valentín García e Luis Felipe Llamas Gómez, respectivamente.

O premio

As novelas deberán presentarse diante da Fundación Repsol antes do próximo 30 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todos os textos deben ser inéditos, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estará conformado por un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación; outro da Fundación Repsol, un da Real Academia Galega, outro da Asociación de escritores en Lingua Galega e un da Editorial Galaxia. Establécese un premio económico dotado con 12.000 euros.

Nas edicións anteriores, fixéronse con el, en 2006, o xornalista Miguel Sande, pola obra “Se algún día esta muller”; en 2007, a escritora Anxos Sumai, por “Así nacen as baleas”; en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro, por “A verdade como mal menor; en 2010, o escritor Xurxo Sierra, pola obra “Os Fíos”; en 2011, Fernando Díaz-Castroverde Gómez, pola obra de microrrelatos “Microbios e outros paquidermos”; en 2012, María López Sández, por “A forma das nubes”; en 2013, Berta Dávila, por “O derradeiro libro de Enma Olsen”; en 2014, Santiago Lopo, por “A diagonal dos tolos” e en 2015, Marcos S. Calveiro, por “Fontán”.

Promover o galego desde o sector empresarial

Con este acordo a Consellería volve a demostrar o seu compromiso coa dinamización do galego nos diferentes ámbitos e polo desenvolvemento das medidas precisas para garantir o seu uso social, a través da posta en marcha de accións conxuntas con outras entidades.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca así fomentar o uso da lingua galega promovendo e apoiando a súa incorporación desde as diferentes iniciativas do sector empresarial, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.

A Xunta de Galicia iniciou en abril do ano pasado os trámites para a posta en marcha do primeiro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015/2020, o primeiro impulsado desde o Goberno galego para potenciar o uso do idioma na economía baixo as directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004).

A finais de 2015 presentouse no Parlamento o documento pactado, articulado en 84 medidas cuxo obxectivo común pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego no sector da economía, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de crearen comportamentos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-06-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES