Notas de prensa

La Macana representa na Coruña, Carballo e Santiago o espectáculo Invisible Wires

A compañía galega de danza chega a Galicia coa creación do coreógrafo cubano Julio César Iglesias Ungo que foi estreada o 11 de marzo no Tanzhaus de Düsseldorf. A primeira función está programada para o venres 1 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña para inaugurar o ciclo TRC Danza, no que tamén colabora a Consellería de Cultura.

Invisible Wires, o espectáculo internacional de danza da compañía galega La Macana en coprodución coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), chega esta fin de semana a Galicia despois da súa estrea o pasado 11 de marzo no Tanzhaus de Düsseldorf (Alemaña). O Teatro Rosalía Castro da Coruña será o primeiro escenario galego que exhibirá a peza o venres 1 de abril, función á que seguirán as programadas no Pazo da Cultura de Carballo (sábado 2) e no Salón Teatro de Santiago de Compostela (domingo 3).

Esta representación inaugural foi obxecto na Coruña dun acto que contou coa participación de Caterina Varela, co-directora de La Macana xunto con Alexis Fernández; ademais do director da Agadic, Jacobo Sutil; do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande; e do director do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez.

A cita marca o inicio do ciclo TRC Danza, a programación específica para esta disciplina que manterá ata finais de ano o espazo coruñés, para o que conta tamén coa colaboración da Agadic como recinto escénico asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Co-patrocinadores institucionais

Para a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a participación en ‘Invisible Wires’ como institución co-patrocinadora insírese nas súas accións de promoción e difusión da danza, así como nas destinadas á proxección exterior dos servizos e produtos culturais galegos. Presta, ademais, o seu apoio a esta proposta xunto a outras estruturas e espazos culturais xermánicos como o Kunststiftung NRW, o Theater Pumpenhaus ou o propio Tanzhaus NRW.

Así o explicou o director da Agadic na presentación realizada este mediodía, durante a que incidiu nos valores deste novo espectáculo por tratarse dunha iniciativa “que foi quen de situar a danza producida en Galicia no mapa internacional”. “Pensamos que este é un bo xeito de contribuír á proxección exterior da cultura galega máis contemporánea e de facerlles partícipes aos espectadores europeos do noso talento e creatividade”, expresou.

Jacobo Sutil referiuse tamén ao apoio prestado ao ciclo TRC Danza, dentro do que, ademais de La Macana, exhibiranse nos vindeiros meses na Coruña as últimas montaxes coreográficas das compañías galegas AIREnoAR (16 de maio) e Nova Galega de Danza (27 de maio), ademais do espectáculo de Claudia Faci ‘Vida laboral’ (21 de abril), que se representará o 21 de abril como parte da actividade artística das VIII Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas).

A estas primeiras entregas sumarase unha nova carteleira entre setembro e decembro, a meirande parte delas dentro do circuíto Danza a Escena 2016 do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e que incluirá as accións específicas de promoción para determinados colectivos sociais e profesionais que se levan a cabo a través do proxecto asociado a TRC Danza denominado Programación Expandida.

Traxectoria internacional

Con sete anos de vida, La Macana posúe unha ampla traxectoria fóra de Galicia, xa que os seus traballos puideron verse en máis de vinte países. ‘Invisible Wires’ sitúase neste marco de desenvolvemento internacional da compañía, que colabora nesta ocasión con Julio César Iglesias Ungo (coreógrafo cubano afincado en Alemaña) e co compositor belga Niko Kafkenscheid para a música orixinal que é interpretada en directo.

Trátase dunha peza para seis bailaríns (Alexis Fernández, Tanja Marin Friojónsdóttir, Niko Hafkenscheid, Janis Heldmann, Jacob Ingram-Dodd e Dymitry Szypura) que conta, ademais, co deseño de iluminación asinado polo galego Afonso Castro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES