Os préstamos Jeremie mobilizan 25 millóns de euros en 45 proxectos de pemes galegas
Tres de cada catro destes proxectos están a ser desenvolvidos por microempresas e pequenas compañías. Os créditos brandos de apoio abranguen desde un obradoiro tradicional para a fabricación de pan ata a adquisición de maquinaria para incrementar a capacidade produtiva das compañías.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Consello da Xunta deu luz verde a apoiar 15 novos proxectos con préstamos Jeremie que mobilizan sete millóns de euros.
Feijóo puxo así de manifesto o compromiso da Administración autonómica co tecido empresarial galego a través de iniciativas como os préstamos Jeremie que, desde a súa activación a finais de 2014, teñen mobilizado 25 millóns en 45 proxectos promovidos por pemes, contribuíndo así ao mantemento de 900 empregos e á creación de 168 novos postos de traballo.
Durante a rolda de prensa, o titular da Xunta precisou que tres de cada catro destes proxectos están a ser desenvolvidos por microempresas e pequenas compañías, que se benefician duns préstamos con xuros fixos de arredor do 0,2%, ata 11 anos de amortización e un de carencia.
Os Jeremie consolídanse así como unha importante ferramenta de apoio ás pequenas e medianas empresas galegas, incidiu, destacando que a contía media dos préstamos é de 300.000 euros.
A tipoloxía dos proxectos apoiados vai desde un obradoiro tradicional para a fabricación de pan ata a adquisición de maquinaria para incrementar a capacidade produtiva das compañías. E, o 56% das actuacións enmárcanse no sector industrial; o 19%, no sector servizos; o 14% corresponde á hostalería.
Ademais desta iniciativa, Feijóo lembrou tamén a aprobación hai menos dun mes de catro liñas de axudas que mobilizan, no seu conxunto, preto de 100 millóns de euros: Trátase precisou- do plan Galicia Inviste2016; do Galicia Emprende2016; dos proxectos piloto de Fábrica 4.0 e dos programas de financiamento de circulante.
Con estas medidas, xunto con outras de impulso á eficiencia enerxética, á innovación e á internacionalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva lanzados neste ano programas de axudas por 185 millóns de euros, o que significa que, a primeiros de febreiro, xa están aprobadas o 70% das axudas para 2016.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-02-04
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.