Notas de prensa

A Escola da Noite de Coimbra presenta a obra A canoa en Santiago de Compostela

A obra, estreada orixinalmente polo Centro Dramático Galego, é unha adaptación portuguesa de "A Piragua", de Cándido Pazó, que afonda na lacra da violencia doméstica a partir dunha situación aparentemente absurda como é o desconcerto dun home diante da piragua que un veciño garda no seu garaxe.

O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe o xoves 28 de xaneiro á compañía lusa A Escola da Noite, de Coimbra, para a presentación en Galicia do seu espectáculo ‘A canoa’, versión portuguesa da obra de Cándido Pazo ‘A piragua’ que o Centro Dramático Galego (CDG) estreara en 2007. O autor galego é tamén o director desta montaxe, que se representa ás 20.30 horas.

Catro meses despois da súa estrea en Portugal, o espectáculo regresa aos escenarios para ofrecer esta función en Compostela, á que seguirán dúas sesións especiais esta fin de semana en Coimbra.

A obra foi escrita orixinalmente para ser producida polo CDG e posteriormente foi representada tamén por Abrapalabra Creacións Escénicas, a compañía do propio Pazó. ‘A canoa’ pon o foco sobre a lacra da violencia doméstica dun xeito directo, chamando a atención sobre como a sociedade aborda este drama a partir do conxunto de normas, máis ou menos explícitas, en que todos nos movemos.

Sinopse

Partindo dun episodio absurdo sucedido na reunión dunha comunidade veciñal, na que un home se queixa de que un dos veciños garde unha piragua no garaxe, a historia comeza a ser contada en escena por dous actores que preparan un novo espectáculo. A través das súas memorias e dos ensaios que levan a cabo diante do público, os espectadores irán descubrindo os pormenores dunha situación da que os actores foron testemuñas no mesmo predio no que ensaian a diario.

Cándido Pazó asina, xunto a Sofia Lobo, a tradución ao portugués da peza, que en Santiago interpretarán Igor Lebreaud, Isabel Leitão, Maria João Robalo, Miguel Magalhães e Ricardo Kalash. No equipo figuran tamén os galegos Afonso Castro, no deseño de iluminación, e Manuel Riveiro Hermo, na composición musical. Ademais, João Mendes Ribeiro e Luisa Bebiano encargáronse da escenografía; Ana Rosa Assunção, dos figurinos e a imaxe gráfica; e Eduardo Pinto, do vídeo.

A posta en escena de ‘A canoa’ supón a culminación da relación artística entre Cándido Pazó e A Escola da Noite, compañía coa que o director, actor e dramaturgo vigués xa colaborara noutros proxectos. É, así mesmo, un importante paso adiante no camiño de diálogo e intercambio profesional que veñen desenvolvendo nos últimos tempos os sistemas teatrais galego e portugués.

As entradas para a función de ‘A canoa’ o xoves 28 de xaneiro en Santiago poden adquirise por adiantado n web entradas.abanca.com ou na billeteira do Salón Teatro, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros, sobre o que se aplica un desconto do 40 por cento para persoas en situación de desemprego, maiores de 65 anos, xubilados, titulares do carné xove, de estudante e determinados colectivos profesionais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES