Notas de prensa

Inaugúrase o ascensor da Muralla romana, no 15º aniversario como Patrimonio Mundial da UNESCO

Co gallo da celebración do 15 aniversario da inclusión da Muralla na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, a Xunta, titular do monumento, ten posto a disposición da cidadanía o ascensor do Carril dos Romanos, que garante a accesibilidade universal a este ben de orixe romana do máximo interese internacional.

Neste marco conmemorativo, Román Rodríguez, canda a alcaldesa, Lara Méndez, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o representante de Auxilia, Aquilino González, entre outras autoridades, percorreron un treito de, ao entender da propia UNESCO, “o máis belo exemplo de fortificación romana tardía de toda Europa Occidental.”

Unha vella demanda cidadá

O novo ascensor, que ofrecerá un novo punto de acceso ao adarve idóneo para as persoas con algún tipo de discapacidade física, sitúase no Carril dos Romanos, na parte traseira do edificio da Deputación. O obxectivo que se procurou con esta intervención foi garantir a accesibilidade universal ao monumento, nun emprazamento céntrico, sen barreiras e ben comunicado da zona nordeste da cidade.

O deseño e materiais empregados, así como a súa altura e volume, procuran, dentro dun deseño arquitectónico actual, ser discretos e respectar os valores culturais e estéticos da Muralla. A estrutura principal do ascensor consiste en catro perfís metálicos en “L” nas esquinas, vistos polo exterior, e os paramentos verticais están executados con lamas horizontais de madeira, que se gradúan en canto á súa sección e separación para crear transparencias naqueles puntos nos que resulta de interese, como son os paramentos laterais no desembarco superior. Nos panos opacos sitúase un taboleiro por detrás das lamas, mentres que nos transparentes hai un vidro.

O cubo VI

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar o contrato de obras para proceder á restauración do lenzo interior do cubo VI. Os traballos consolidarán un tramo, á altura da rúa Ourense, afectado por problemas de deterioro da cachotaría e a aparición de fisuras. Estas obras contan cun prazo de execución máximo de 45 días e consistirán na consolidación dos paramentos da Muralla nun tramo situado á altura da rúa Ourense e afectado por problemas de deterioro da fábrica e a aparición de fisuras.

Os traballos obrigarán á desmontaxe do muro de mampostería de lousa, a escavación manual do recheo ata acadar a cota orixinal romana, a colocación de capa separadora xeotextil, e a execución de muro de cachotería e do novo recheo do cubo do adarve, que se efectuará mediante o emprego da lousa encontrada no propio recheo coa menor adición posible de nova pedra, que en todo caso sería de características similares e traída de zonas próximas. Para a trabazón de devandita mampostería empregarase un morteiro de cal e area de río de dosificación similar á orixinal romana.

Adicionalmente, colocarase unha lámina, non adherida ao soporte, que garanta a pendente adecuada de forma que evacúe a auga para evitar que en períodos de chuvia se formen bolsas que presionen sobre o muro, deterioren os morteiros orixinais e aumenten o crecemento de especies vexetais.

Recuperando un dos accesos orixinais, Porta Miñá

As obras que acaban de rematarse na Porta Miñá permitiron a renovación de parte do pavimento no adarve, a reparación do sistema de impermeabilización nas zonas dos cubos XXI e XXII e a recuperación do oco da rúa Falcón. Así mesmo, limpáronse e acondicionáronse os paramentos da Porta Miñá, realizáronse traballos de consolidación e recuperouse o espazo da bóveda da Porta, no que existen morteiros de épocas distintas sobre os que se realizaron traballos de restauración por persoal cualificado.

A recuperación deste espazo xunto coa colocación da celosía metálica no adarve que segue ao muro de peche do corpo de guardia do cubo XXII, e a recuperación do volume virtual das torres, favorecen o achegamento ao que foi un dos principais accesos á cidade, posto que dela partía a importante calzada romana Vía XIX do Itinerario de Antonino, e á visibilidade e comprensión do seu espazo.

Paneis divulgativos

Neste momento, estase a traballar no deseño dos paneis divulgativos e completando as conclusións dos estudos realizados polo equipo interdisciplinar que executou os traballos, á espera dos resultados dalgunhas probas diagnósticas realizadas sobre distintos elementos como morteiros ou materiais construtivos.

Esta investigación presenta xa datos interesantes. Por exemplo, sabemos que a data de corta máis probable da madeira que se analizou sitúase a mediados do século XVIII. Así mesmo, sábese que unha das funcións principais deste espazo na época romana foi albergar o mecanismo do rastrillo (cataracta) composto polo torno e un contrapeso para a súa elevación e freado no descenso así como polo persoal encargado do seu manexo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-11-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES