Acto Segundo. Escena Novena
(Entra Eleuterio).

ELEUTERIO.-E logo.... ¿non podería valer Uxío?

ELÍAS.-Chamándose os pais Xosé e María, sería lóxico que el se chamase Xesús.

ROSA.-
(A Eleuterio). ¿Porque Uxío?.

ELEUTERIO.-Como a neniña que nos morreu a nós chamábase Uxía...

ROSA.-¿E iso que ten que ver?

ELEUTERIO.-O médico dixo que este pequeno non era meu de todo, pero que podía selo en boa parte... Claro que ser é de seu pai e de súa nai.

ROSA.-¿Non estarás pensando o mesmo que eu estou pensando?.

ELEUTERIO.-¡E como raios hei de saber eu o que pensas ti! Sería un milagre que coincidísemos en pensar o mesmo.

ROSA.-Pois, por esta vez, penso que coincidimos. Se cadra, producíuse o milagre...
(A Xosé). ¿Tedes padriños buscados?.

XOSÉ.-Non. Aínda non temos.

ROSA.-
(Ó home). ¿Eleuterio?

ELEUTERIO.-
(Pensa un anaquiño de tempo e logo responde moi decidido). ¡Si!.

ELÍAS.-Xa me parecía min que Eleuterio non tiña tan mala uva como aparentaba.

ROSA.-Antes de quedarnos sen a nena era o home máis ledo da rodeada, pero a súa morte trocoulle o carácter.

XOANA.-
(A Xosé). Así mesmo foi. Desde hai vinte anos Eleuterio perdeu o sorriso.

ELEUTERIO.-
(Colle do estante unha botella e unha copa, serve a copa e dálla a Xosé). Toma unha copa compadre. ¡Tomade todos!. ¡Que veña a parroquia enteira!. ¡Invita a casa!.

ROSA.-¡Invita o padriño!.

(Sentan todos arredor dunha mesa, menos Eleuterio e Rosa, que se dispoñen a servilos, e Xosé que se vai para o interior como pasando desapercibido).

RICARDO.-Para min unha auga mineral.

ELEUTERIO.-
(Sorprendido). ¿Estás mal?.

RICARDO.-Nunca tan ben estiven.

XOANA.-Deixou de beber.

ELEUTERIO.-De beber ha de deixar cando morra.

RICARDO.-Morto xa estaba. Agora é cando comezo a revivir.

ELEUTERIO.-Pois, logo, Rosa, vai por auga da fonte, que, se revive, hai que rebautizalo.

(Vaise Rosa para o interior).

Seguinte >>