Acto Segundo. Escena Primeira
(O mesmo local. É pola mañá do día seguinte).

(Eleuterio está por detrás do mostrador e medio debruzado sobre del coma durmindo. Ó pouco de comezar o acto, espreguízase, érguese e vai á porta que dá ó interior botar unha ollada cara a dentro).

ELEUTERIO.-Ese médico... Leva dentro varias horas e non se lle ocorre mandalos para a residencia ou para o hospital... E tiña razón o Ricardo, a tola da miña muller meteu á moza na cama... (Con retranca). É moi boa, ¡moito!. E o pampo do home, aí está metido na cociña... O que non poida mantelos que non os teña.

MÉDICO.-
(Entra en escena moi ledo. Aínda vén cerrando a carteira do instrumental). ¡Ben!. É un pequeno precioso. Saniño e robusto.

ELEUTERIO.-
(Moi sorprendido). ¿Que é que?

MÉDICO.-¡Un pequeno!

ELEUTERIO.-Pero... ¿naceu aquí?.

MÉDICO.-¿E logo, que pensas que estivemos facendo?... ¿Ti non tés dito que quen che dera un fillo?. Pois, aí o tés.

ELEUTERIO.-Este non é meu.

MÉDICO.-De todo non, pero pode selo en boa parte.

ELEUTERIO.-Déixese de lerias.
(Trata de pagarlle). ¿Canto se lle debe?.

MÉDICO.-Non se me debe nada. Se fose teu habíache cobrar, pero así, ¿a quen podo cobrarlle?.

ELEUTERIO.-Eu fun quen o foi chamar, e vostede non tén por que traballar de balde.

MÉDICO.-
(Índose). Depende..., se hai algunha complicación non dubidedes en avisarme.

ELEUTERIO.-Este tío déixame dunha peza. Todos din que lle gustan os cartos, e agora non cobra. A ver se tamén se volveu tolo como a miña muller.

Seguinte >>