Busca de Pousada
(Vólvense a abrir as cortinas ou a acender a luz. María camiña de cara a Sabela, que a agarda diante da súa casa ou simplemente a un lado do escenario, se non hai cambio de decorados)
CRONISTA.-O parto de Sabela foivos cousa que deu moito que falar; porque o pai do neno, Zacarías, recobrou a fala cando lle naceu o fillo; pois estivera privado dela todo o tempo que durou a embarazo da súa muller... Sería, se cadra, pola ledicia de ser pai ós seus anos, que xa non eran poucos... A este fillo de Zacarías e Sabela puxéronlle o nome de Xoán por mutuo acordo de pai e nai e en contra da opinión da maioría da familia que quería que levase o mesmo nome do pai... Andando o tempo, este Xoán foi máis coñecido polo sobrenome de “O Baptista”. Desde que Sabela se repuxo do parto, volveuse María para a súa casa e seguiu vivindo con Xosé, o home bo e agarimoso co que estaba prometida cando se lle apareceu o Anxo e co que logo casou. Algún tempo máis adiante, saíu un decreto do Emperador de Roma, Augusto, polo que se daba a orde de facer un censo das xentes de todo o imperio. E cada un tiña que ir empadroarse ou censarse á cidade da que arrincaban os seus antergos máis sobranceiros... A Xosé tocáballe ir a Belén; pois de alí fora o seu devanceiro, o rei David. Nin a Xosé nin a María lles caeu moi ben aquela orde; porque xa ela estaba ás beiras de ter o neno; pero aló se foron. ¡Que remedio!; que quen manda non roga.

(Entran en escena Xosé e María. El leva un caxato. Axúdalle a sosterse a ela que se ve moi embarazada. Camiñan con lentitude).

CRONISTA.- E resultou que, estando xa alí, comezou a notar María que lle estaba chegando a hora do parto... Como daquela aínda non había hospitais nin residencias, foron a unha pousada para que o neniño non nacese fóra.

(Diríxense Xosé e María a un lado do escenario. Se hai decorado, chaman á porta dunha “Pousada” pola que sairá o pousadeiro; se non, sae por unha esquina).

XOSÉ.-(Ó pousadeiro). ¿Haberá sitio para dous pobres?.

POUSADEIRO.-Non, que veu moita xente nestes días e nin sequera hai sitio para os que pagan ben.

XOSÉ.-É que logo vai dar a luz a miña muller.

POUSADEIRO.-Peor aínda, que non dispoño de tempo nin de xente para atender unha parturiente.

XOSÉ.-Nós algo poderíamos pagar.

POUSADEIRO.-Hai covas baleiras nas afóras.

XOSÉ.-
(Implorando). Por caridade.

POUSADEIRO.-Non teño a pousada para facer caridades, senón para facer negocio.
(Retírase).

(Xosé e María vanse como viñeron. Péchase ou apágase).

Seguinte >>