Os Pastores
CRONISTA.-Era certo que nos arredores había covas, aproveitadas a miúdo polos pastores... En Xudea había moitos pastores que tamén eran pobres; porque case ningún alindaba os seus propios rabaños. Polas noites pasaban o tempo como mellor podían mentres velaban as reses.

(Aparecen no escenario tres pastores sentados nas mantas en que se envolverán para durmir).

PASTOR 1.-(Dirixíndose ós outros dous). Esa adiviña non era doada; pero vaia que non sabedes tampouco esta outra: “Cando vai para a casa mira cara o monte e cando vai para o monte mira cara á casa”.

PASTOR 2.-¡Boh!. Esa xa lla escoitei eu a meu pai que tamén foi pastor igual ca meu avó. Son os cornos da cabra.

PASTOR 1.-Pois estoutra si que non a atinades. ¿Cal é o bicho que roe por dentro a nosa panza e, en cambio, non roe a dos nosos amos?.

PASTOR 3.-A pulga; que nós témolas e eles non.

PASTOR 1.-A pulga roe por fóra, non por dentro.

PASTOR 3.-Tés razón.

PASTOR 2.-As lombrigas.

PASTOR 1.-Esas tamén poden telas os amos... É a fame, burriños. É a fame.

PASTOR 2.-Non fales dela, que é peor... O mellor será poñerse a durmir, que mañá hai que madrugar coma sempre, para saír en busca de novos pastos. ¿Quen fai a primeira tanda de garda?.

PASTOR 1.-Se queredes, botámolo a sortes cos dados.

PASTOR 2.-Vale. Eu pido o dous.

PASTOR 3.-Eu, o cinco.

PASTOR 1.-Pois eu, o catro.

(O Pastor 1 tira ó ar un dado e recólleo na man, amosándollelo ós compañeiros. Diríxese ó Pastor 3).

PASTOR 1.-¡O cinco!. ¡Tocouche!.

PASTOR 2.-Eu fago a segunda tanda.

PASTOR 1.-Logo, tócame a min durmir hoxe toda a noite.

(Déitanse os Pastores 1 e 2 envolvéndose nas propias mantas. O Pastor 3 fai que vixía ó lonxe, pero logo lle pega o sono, toquenea e adormece tamén. Aparece o Anxo, (poden ser varios), dun xeito semellante a como o fixo anteriormente).

ANXO (S).-(Canta):
“Gloria, gloria, aleluia.
Gloria, gloria, aleluia.
Gloria, gloria, aleluia.
No nome do Señor”

(Espertan moi asustados os pastores).

PASTOR 1.-¿Que é?. ¿Que pasa?. ¿Estou soñando?

PASTOR 2.-Nós somos uns pecadores. Non somos merecentes dunha aparición de mensaxeiros de Deus.

(Póñense todos de xeonllos).

PASTOR 3.-¿Que significa todo isto?.

ANXO (S).-
(Canta):
“Alá entre as pallas, cheo de frío,
vide pastores ver o Neniño.
Chegade presto, vide a pasiño;
porque xa espera o carrapuchiño”

(Érguense os Pastores e póñense a camiño seguindo ó Anxo (s). Cantan ou recitan:)

PASTORES.-(Cantan):
“Imos, pastores, imos. Imos a Belén,
a ver naquel Neniño a gloria do Edén.
A gloria do Edén. A gloria do Edén”.

(Saen todos da escena e péchase ou apágase).

Seguinte >>