Mensaxe dos Magos
CRONISTA.-Tódolos que aínda conservamos a capacidade de soñar sabemos que os Magos seguen recorrendo o mundo cada ano por estas datas. Eles son os que máis veces teñen recorrido a Vía Láctea ou Camiño de Santiago que é camiño de fe. Xa que témo-la sorte de telos hoxe connosco, atrévome a pedirlles que, se o teñen a ben, nos conten algo das súas experiencias acumuladas ó longo de tantos séculos.

(Os Magos dispóñense a dicir uns discursos ós espectadores. Poden lelos; pero convén que os leven en carpetas de certa solemnidade).

MELCHOR.-Nós vimos de moi lonxe no tempo e no espacio. Vimos desde aló da lexendaria Caldea do non menos lexendario Oriente. Somos eternos e infatigables viaxeiros desde aquela vez que nos tentou a seguila unha estreliña que nos choscaba o ollo nunha noite de ceos limpos. Naquela ocasión algúns compañeiros, estudiosos coma nós do firmamento, dicíannos que era unha tolemia botarse a andar polo mundo tras dunha estrela que vagaba sen rumbo fixo. Dicíannos: “¿Quen sabe a onde vos levará?. ¿Non vedes que é coma pegar un brinco no baleiro?. É verdade que foi un brinco; pero o baleiro estaba cheo polo infinito. Pagou a pena; porque fomos caer mesmamente de xeonllos ós pés dun Deus feito neniño aterecido de frío que quentaba de felicidade os corazóns. Desde aquela andamos polo mundo sen paradoiro fixo. Sempre seguindo estreliñas que nos choscan o ollo e nos levan a atoparnos con Deus na cara dos neniños brancos, dos neniños roibos, dos neniños amarelos, dos neniños negros.

GASPAR.-Aquela primeira vez nós trouxémoslle a Xesús agasallos cos que quixemos renderlle unha homenaxe. Desde entón, seguimos sendo portadores de agasallos; pero xa non traemos ouro, incenso nin mirra; porque o mesmo Xesús dixo que o ouro non é tan importante como ás veces parece. El insistiu moito en que o mellor tesouro é ter quen nos queira e ter a quen querer. A mirra usábase para render culto ós mortos e Xesús, vencendo a morte, fálanos de vida en plenitude. E o incenso é para perfumar; pero o mellor arrecendo é o das boas obras ben feitas.

BALTASAR.-Coñecemos moita xente e coñécenos moita xente, porque estamos autorizados para atusmar por tódalas ventás do mundo ó apoñerse o sol. Non sempre nos gusta o que vemos. Vemos moita xente doída no corpo e no espírito. Vemos a moitos que se acaban antes de tempo, por perderen a ilusión por vivir. Vemos neniños esfameados e vellos abandonados. Vemos moitas calamidades que nos doen no máis fondo do corazón. Nós témola misión de sementar felicidade, debido a que un día en Belén atopamos a fonte mesma da felicidade; pero sentimos que as nosas soas forzas non chegan para sementar felicidade en tantas leiras infelices como hai polo mundo. ¿Queredes axudarnos facéndovos tamén vós sementadores de felicidade?... Non teñades medo que non é moi difícil... Pódese sementar sorrindo, escoitando, acompañando, compartindo.

(Melchor saca un libro moi bonito de entre as súas vestimentas e unha pruma de ave coa que fará que escribe no seu momento).

MELCHOR.-Ós que queren apuntarse como sementadores de felicidade anotámolos neste libro de rexistro. Se hai aquí alguén que queira que o anotemos pode erguer a man.

(É moi probable que entre os asistentes haxa quen espontaneamente queira que o anoten; pero é conveniente ter a algúns avisados. Se os Magos coñecen os nomes dos que erguen as mans, Gaspar vainos dicindo en voz alta e Melchor anota. Se non, pode o mesmo Gaspar dicir nomes dos máis usuais ou dos que alguén lle apunte en voz baixa. Parece mellor que non sexan os propios interesados os que dean os seus nomes, para dar a impresión de que os Magos os adiviñan).

GASPAR.-Luís..., Manolo..., Ana..., Sabela...

(En canto se anotan uns poucos intervén Baltasar).

BALTASAR.-Penso que sería mellor que erguesen a man os que non queren que os anotemos, para deixalos fóra do libro; porque poida que sexan máis felices sementando tristura, xenreira e infelicidade. ¿Hai alguén?.

(Sería ben estraño que alguén erguese a man e nese caso habería que asegurarse de que entendeu ben. De persistir, sería cousa de anotalo noutro libro que pode levar o mesmo Baltasar con tapas mouras como a noite. No caso máis probable de que ninguén se negue, segue Gaspar).

GASPAR.-Quedaredes todos rexistrados no libro de sementadores de felicidade; pero non o tomedes á broma: que todos sodes testemuñas uns dos outros.

MELCHOR.-Seguimos ben ledos o noso camiño.

GASPAR.-Neste ano seremos moitos os Magos.

BALTASAR.-Antes de despedirnos queremos deixarvos un pequeno signo de que a felicidade fai a vida máis doce.

(O mesmo Cronista dálles unha bolsa de caramelos que eles sementan por entre a xente. Poden bicar a algún neniño dos máis pequenos).

MELCHOR.-Se tedes dubidas nalgún mo-mento de como sementar felicidade podedes preguntarllo a calquera dos tres: Xosé, María ou o Neno, que eles saben moi ben como facelo.

OS TRES MAGOS.- Deica o ano que vén.

(Cérranse as cortinas ou apágase a luz do escenario).

CRONISTA.-Despedímolos ata o ano que vén; porque cada ano repítese esta historia. Ou mellor dito, cada ano volve a facerse presente o misterio de Deus feito home. Xesús segue buscando pousada onde nacer, e o lugar que prefire é un corazón coas portas sempre abertas para acoller ós máis pobres. Por iso cada Nadal é un Belén vivente.

(Sería un bo remate que todos acabasen cantando:)

“Ímonos xa pra aldea,
pois aquí non é ben ruar,
está o neniño durmindo (bis)
e podémolo despertar”

- FIN -