|
|
|
CRONISTA.-Algúns días despois de que nacera Xesús, chegaron a Xerusalén uns magos dispostos a adoralo como o Rei dos xudeus anunciado na antigüidade. Guiáraos unha estrela que lles fixo a mala xogada de escondérselles cando xa estaban cerca da meta para que puxesen tamén eles algo da súa parte. E, por máis que preguntaron, ninguén sabía darlles razón de onde nacera o Rei que buscaban. En vista diso, decidiron ir preguntar á mesma corte do rei Herodes. Este para darse importancia non os recibíu segundo mesmo chegaron; senón que fixo o tempo, mentres el mesmo se informaba.
(Ó abrir está en escena Herodes sentado, caviloso, no seu trono. Se é posible, será unha sa luxosa do seu pazo. Entran dous escribas con varios pergamiños nos que se dispoñen a pescudar. Herodes érguese nervioso e alporizado).
HERODES.-Dicídeme vosoutros os que estudiastes desas cousas, ¿que lerias son esas do nacemento dun rei dos xudeus?. ¡Aquí non hai máis rei ca min!. ¡Dádevos présa!. Teño dereito a unha información rápida, ¿ou para que vos manteño?. ¿A que agardades?. ¡Non hai tempo que perder!. ¡Xa tiñades que coñecer as escrituras de memoria!. ¿Queredes que vos despoxe dos vosos cargos?.
ESCRIBA 1.-Ten piedade, gran rei. Fainos falta tempo.
HERODES.-Teredes tempo. ¡Teredes todo o tempo!. ¡Sobraravos tempo!. ¡Teredes tempo na cadea!. (Chamando). ¡Que veña un garda inmediatamente!.
ESCRIBA 2.-Ten compaixón, gran rei. Ti es o meirande. Ti escureces o sol.
ESCRIBA 1.-¡Xa temos resposta!.
HERODES.-¡Ai, iso ben!. ¿Cal é a resposta?.
ESCRIBA 1.-Ese anunciado Rei dos xudeus tivo que nacer, se naceu, en Belén.
HERODES.-(Ceiba unha gran gargallada). ¡En Belén!. Non me fagades rir. ¿É que de Belén pode saír cosa boa?.
ESCRIBA 2.-Si, Maxestade; porque di o profeta Miqueas. (Le no pergamiño): E ti, Belén, terra de Xudá, non es de ningún xeito a máis cativa das vilas de Xudá; pois de ti sairá o guía que apacente ó meu pobo de Israel.
HERODES.-¡Fuxide da miña vista!. Deixádeme cavilar... E avisade ós gardas de que deixen pasar a eses magos ou o que sexan. (Vanse os escribas e queda só Herodes paseando nervioso polo escenario. Logo, volve a sentar).
CRONISTA.-Para que poidades facervos unha idea de como era este Herodes, direivos que pasou á historia como traidor, asasino de parentes e alleos, mullereiro, ladrón dos bens dos seus súbditos para facer grandes agasallos ós romanos a cambio de que lle permitisen seguir levando o título de rei. Sendo como era, non é estraño que se alporizase moito cando lle pasaron aviso de que uns magos chegaran preguntando polo lugar de nacemento doutro rei.
|
|