|
|
|
(Herodes segue sentado cando entran os Magos. Non se ergue; pero adopta un son comedido, cerimonioso e raposeiro. Inmediatamente antes de entraren os Magos, anúnciaos un Garda).
GARDA.-Maxestade, os Magos.
HERODES.-Que sexan ben vidas as vosas mercedes. É para min un grandísimo honor recibilos nesta súa humilde mansión... Prégolles que tomen acomodo.
(Séntanse todos menos o Garda, que permanece de pé).
MELCHOR.-Permítanos que nos presentemos. Os tres somos Magos, estudiosos do firmamento, ¿sabe?. E viñemos seguindo unha estreliña que nos anuncia o nacemento do Gran Rei dos xudeus.
HERODES.-¡Vaia, vaia!... ¿De xeito que unha estreliña?... É curioso... Moi curioso, abofé que si.
MELCHOR.-Si, é curioso e providencial.
HERODES.-¿E cal é a súa gracia, se non é moita a pregunta?
MELCHOR.-(Presentando). Aquí os meus compañeiros chámanse Gaspar e Baltasar. Eu son Melchor.
HERODES.-Compráceme moito coñecelos ós tres e... convidaríaos de boa gana a un bo banquete; pero esta noite as miñas mesas faranse pequenas para os invitados que xa están limando os dentes. E para a noite que vén, o mesmo. E para a seguinte, igual... ¡Que mágoa!... Dígolles que isto de tanto comer é unha das cargas máis pesadas que os reis coma min temos que soportar.
GASPAR.-Non se preocupe. Temos présa por chegar ó noso destino.
(Érguese Herodes e pasea con solemnidade antes de dar paso a outro ataque de enrabexamento).
HERODES.-Xa... Tárdalles por ver ó Rei dos xudeus. Pois..., de momento, o único rei dos xudeus son eu. ¡Eu!. Pero, xa non son novo, non..., e claro, hai que ir pensando no relevo... Estou canso... Canso de matinar. Canso de comer con xente importante... Canso de sorrir ós romanos... De xeito que vostedes saben que naceu ese Rei; pero non saben onde naceu, ¿non si?.
BALTASAR.-Xustamente. Ese é o noso problema: que a estreliña que nos guiaba desapareceu ó írmonos achegando aquí.
HERODES.-Comprendo. (Comeza a alporizarse). Desapareceu xustamente aquí a estreliña... É que aquí a única estreliña son eu. ¡Eu!. Si, eu son a estrela capaz de eclipsar a tódalas estreliñas. (Tira da espada que leva ó cinto e con brusquidade fende con ela o ar). Fago así e ¡zas!, mato a tódalas estreliñas...(Amaina). Pero, como eu son unha estrela, vou ser o seu guieiro. (Volve sentar). Ese Rei naceu, -se naceu-, en Belén de Xudá.
MELCHOR.-¿Seguro?.
HERODES.-(Con moita sorna). ¡Seguro!... O que eu non saiba...
GASPAR.-¡Imos aló, compañeiros!.
HERODES.-(Moi raposeiro). Si, si, vaian e non perdan tempo. E tan presto estean con El o indispensable, agradézolles que volvan traerme razón; que tamén eu quero ir postrarme de xeonllos diante del... Cando volvan, poida que haxa sitio nalgunha das miñas mesas e penso facerlles algún bo agasallo. Habémolo de celebrar.¡Habemos, xa verán.!
BALTASAR.-Moitas gracias, no meu nome e no dos meus compañeiros.
HERODES.-(Ó Garda). Garda, acompaña ata a porta a estes señores.
(Saen os Magos e o Garda. Herodes ri para si).
HERODES.-¿A estes señores?... ¡A estes parvos!. Creron o de ir eu tamén poñerme de xeonllos diante del. (Cavila). Teño que acabar como sexa con ese neno, aínda que para iso teña que acabar con tódolos nenos de Xudea, ou con tódolos nenos do mundo.(Berrando). ¡Eu son o único rei dos xudeus!.
|
|