Anunciación
(María está no escenario cosendo. Se hai medios de cambiar os decorados, estará nunha habitación dunha casa pobre da Palestina do seu tempo. Cose durante algún tempo e logo, axeónllase e fai oración. Nese momento aparece o cronista que se sitúa fóra de escena, pero en lugar visible, e comeza a relatar. Pode ler, pero deberá ter a suficiente soltura para facelo en son de quen conta unha historia. Non hai dificultade para que sexan dous os cronistas e se vaian alternando.)
CRONISTA.-En tempos do Emperador de Roma César Augusto, o Anxo Gabriel foi mandado por Deus a un pobo de Palestina chamado Nazaret, onda unha mociña prometida cun home que se chamaba Xosé, emparentado coa familia do Rei David. O nome da mociña era María. Presentándose onde ela estaba díxolle o Anxo:

(O Anxo aparece no escenario dalgún xeito que se diferencie do andar normal. Pode ser dando saltos como a cámara lenta. O ideal sería que baixase de arriba se hai posibilidades de conseguilo dignamente. É preferible que cante; pero se non puidese ser, recitará con voz clara e compasada).

ANXO.-(Se canta): “Alédate, chea de gracia. Virxe María, alédate”. (Se recita): Alédate, chea de gracia; o Señor está contigo. Bendita ti entre tódalas mulleres.

(María sorpréndese. Érguese. O Anxo con calma segue recitando):

ANXO.-Non teñas medo, María; pois contas coa gracia de Deus, e fíxate no que che vou dicir: vas concebir no teu ventre e darás a luz un fillo ó que lle porás de nome Xesús. Será grande e chamarase “Fillo do Altísimo”.

(María volve a axeonllarse).

MARÍA.-¿Como pode ser iso; pois eu, aínda que estou prometida, non convivo con ningún home?.

ANXO.-O Espírito Santo virá sobre ti e o poder de Deus cubrirate coa súa sombra. Por iso, o que vai nacer de ti será Santo e chamarase Fillo de Deus. Se queres unha proba de que é certo o que che digo e de que para Deus non hai imposibles, aí tés o caso da túa curmán Sabela, que, cando todos pensaban que non había nada que agardar pola súa idade tan avanzada, concibiu un fillo e xa está de seis meses a que pasaba por ser estéril.

MARÍA.-Eu son a escraviña do Señor. Que se cumpra en min conforme á túa palabra.

(Vaise o Anxo como veu e cérranse as cortinas ou apágase a luz do escenario e despois vaise María).

Seguinte >>