|
O San Froilán de Lugo. O San Froilán foi, nos comezos, unha feira de gando que se celebraba en Lugo cando as tarefas do agro estaban rematadas e precisamente antes de que comezase o longo inverno. Logo, como toda feira para estar completa precisa de festa, festa houbo. Son estas unha festas especiais que concentran en Lugo a milleiros de persoas de toda Galicia, que veñen á capital interior do Antigo Reino -natural sucesora da milenaria capital do Convento Xurídico- a saber o que é unha verdadeira festa popular. Cunqueiro dicía que o Domingo das Mozas é a festa máis fermosa do outono galego. E nós dicimos "amén" a todo o que, en materia de festas e costumes, dicía o máxico mindoniense. Para os lucenses é unha festa tradicional, entrañable, familiar, tumultuosa e á vez íntima. Para os foráneos, multicolor e algareira, sorprendente e vibrante, gastronómica e universal. Para uns e para outros; para todos: Feliz San Froilán. X.X. |
![]() |
|